Thursday 02 de May de 2024

A Pobra eríxese neste mes de abril como capital galega do remo


A axenda deportiva da Pobra do Caramiñal estará protagonizada no mes de abril polo remo. Os bateis vogarán polas augas da localidade nas dúas próximas fins de semana nas categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil, sub-23 e absoluto.

A primeira proba é de ámbito provincial co Campionato de Bateis Provincia da Coruña que se disputará a partir das 11.00 horas dos días 13 e 14 de abril, coa clasificatoria e final, respectivamente. Desta última, sairán as catro primeiras tripulacións para o gran evento a nivel autonómico que chega nos días 20 e 21 de abril, das 11.00 horas en diante: o Campionato Galego de Bateis Xunta de Galicia. A clasificatoria será no sábado, mentres que a final celebrarase no domingo.

No total, tomarán parte máis dun cento de equipos e arredor de 700 remeiros e remeiras.

O concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, declarou que “o vínculo da Pobra co mar vai máis alá da dimensión económica, social e cultural, pois tamén existe un forte nexo deportivo. Os vindeiros dous campionatos corroboran a boa saúde da que goza o remo na nosa vila. No mes de marzo demos a benvida á primavera coa V Bandeira de Bateis Concello da Pobra e agora seguiremos desfrutando desta disciplina coa que o Concello reafirma o seu compromiso.” “Contamos cun excelente campo de regatas que, unido á alta participación e a magnitude dos equipos, garanten espectáculos deportivos de gran calidade”, engade o edil. Destacou tamén o dinamismo do Club Remo Puebla, a quen quixo felicitar polos recentes logros de gañadores da I Bandeira de Bateis Masculina Cidade de Narón, segundo clasificado do XXV Trofeo de Bateis, campións da XVII Bandeira de Bateis Masculina Santiago Sur Galicia e a V Bandeira de Bateis Masculina Concello da Pobra que quedou na casa.

O presidente do Club Remo Puebla, Emilio Dieste, fixo fincapé na relevancia de que estas dúas citas se desenvolvan na localidade e adiantou que o calendario se incrementará neste mes de abril.

Finalmente, interveu Gustavo Vázquez, vicepresidente de Banco Fixo da Federación Galega de Remo, quen subliñou a dimensión social ao xerar un gran movemento na vila entre deportistas, familias e persoas afeccionadas ao remo.

Entregaránselle medallas aos tres primeiros equipos clasificados de cada categoría e bandeira ao primeiro.

En ámbolos casos, os campionatos están organizados pola Federación Galega de Remo e o Club Remo Puebla coa colaboración da Concellaría dos Deportes e da Protección Civil.